Escritura creativa

O mundo no que vivimos na actualidade fainos a todos e todas perdernos nas pantallas. Escribir unha carta é agora un feito extraordinario, porque o correo electrónico e, fundamentalmente, as redes sociais, substituíron pola súa inmediatez e posibilidades ao sobre e a pluma.
Sen embargo, recibir unha carta que non sexa unha factura ou unha comunicación publicitaria segue sendo un acontecemento que a todos e todas nos fai ilusión. Sen dúbida, quen máis o agradece son as persoas maiores, o colectivo que se ve máis perxudicado polas novas formas de consumo de mensaxería.
O Nadal é a época perfecta para retomar esta comunicación tradicional, en forma de postal ou carta. Así pois, o monitorado traballa cos nenos e nenas varios obxectivos educativos:
A carta e a postal. Como se escriben (partes dunha carta: encabezado, data, saúdo, texto, sinatura) e como se envía (sobre, selo, dirección, remitente).
Escritura. Debemos pensar que lle queremos dicir á persoa destinataria, ordear o contido da mensaxe e finalmente escribila. Como é obvio, a idade do grupo condicionará moito a extensión e a profundidade neste apartado.
Decoración. Cómpre trasladar que as cartas e as postais non teñen por que ser cousa seria. Cambiaremos os emoticonos e as fotos por algo moito máis valioso: a nosa creación artística. Os escritos poden ser adornados ao gusto da persoa autora con calquera técnica que desexe, ou ser complementados cun creativo debuxo.
Valores. Escribir unha carta ou unha postal de Nadal é un xesto de afecto para un ser querido, que será aprezado e recordado. Se alguén nos escribe unha postal de Nadal, cómpre mandarlle unha de volta, para corresponder o detalle.

